Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE solicita a protección ante motoristas e ciclistas dos gardarraís da rede autonómica


O Partido Socialista de Arteixo solicita ao goberno local que esixa á Xunta de Galicia a instalación de sistemas de protección para motoristas (SPM), mediante elementos homologados e efectivos como a dobre bionda, dos gardarraís restantes da estrada Coruña-Cee e demais vías da rede autonómica ao seu paso polo termo municipal.

Cada ano estas barreiras sen protección rematan coa vida de moitas persoas de forma tráxica, pois actúan de “guillotina” cando un motorista, tras sufrir un accidente a máis de 30 km/h, se precipita a elas, causando traumatismos, amputacións e, en moitos casos, a morte. Asemade, as barreiras simples non protexen contra saídas de carril. Este tipo de proteccións, que se comezaron a instalar a partir de 1972, foron deseñadas para coches e camións, pero non para motocicletas, ciclomotores ou bicicletas.