Moción en relación a adhesión da Corporación de Arteixo á petición socialista para a creación do Consorcio Metropolitano de Mobilidade da Coruña (CMMC) e a incorporación de Laracha, Carballo e Cerceda a dito proxecto.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os socialistas da cidade e comarca vimos de acordar unha posición conxunta do noso partido con respecto ao futuro da Área Metropolitana de A Coruña, partindo da nosa posición de apoio a unha realidade metropolitana, como fenómeno innegable para o futuro do benestar dos cidadáns desta comarca, pero apostando claramente por unha serie de premisas que garantan a viabilidade do proxecto.
Os socialistas de toda a comarca sabemos da necesidade e a importancia que ten a implicación do Concello de Arteixo na idea de área metropolitana, que non pode existir sen a participación do noso concello e parécenos razoable que se conte coa posible incorporación de municipios como Cerceda, Laracha e Carballo, se fose o seu desexo, para crear un área con máis fortaleza e posibilidades.
Os socialistas defendemos que as solucións metropolitanas deben ter como centro ao cidadán e á cidadá que vive, traballa, descansa, desprázase, usa e demanda servizos sen distinción de quen llos presta por iso este proceso debe ir moito máis alá dunha mera declaración, como foi a promovida polo Concello da Coruña, e cumprir con medidas serias esa necesidade de unión metropolitana. Tamén demandamos que os participantes no proceso metropolitano presenten as análises de viabilidade económica que permitan ao conxunto da cidadanía de toda a área coñecer as vantaxes e as consecuencias para os recursos públicos da constitución dun novo ente local e negámonos a que os retrasos acumulados obriguen a ter que agardar os longos prazos que requiriría a tramitación dun proxecto de lei de área metropolitana da Coruña para ofrecer á cidadanía solucións que hoxe en día xa se saben técnica e economicamente viables e que mellorarían claramente a súa vida, como a que afecta á mobilidade. Por iso, o PSdeG - PSOE propón a constitución, como primeiro ente metropolitano, do Consorcio Metropolitano de Mobilidade da Coruña (CMMC), cuxa principal misión será xestionar o servizo de transporte de viaxeiros no conxunto dos Concellos da área, reunindo nun só ente, a xestión da mobilidade urbana, periurbana e interurbana.
A cidadanía metropolitana ten todo o dereito á recibir das administracións os servizos de maior calidade e maior eficiencia, prestados con eficacia e xestionados de xeito transparente. Ese é o espírito que debe guiar o traballo político municipal.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte
ACORDO:
Os Grupos Municipais do Concello de Arteixo acordan:
- Apoiar os traballos que redunden na creación dun ente supramunicipal que mellore a calidade dos servizos que reciben os cidadáns desta área metropolitana
- Demandar dos concellos participantes no proxecto Vontade Metropolitana a presentación dunha análise de viabilidade económica que permita ao conxunto da cidadanía de toda a área coñecer as vantaxes e as consecuencias para os recursos públicos da constitución dun novo ente local.
- Incluír no proceso de creación da área metropolitana aos concellos de Laracha, Carballo e Cerceda, se eles o solicitan.
- Apoiar a proposta socialista para crear sen dilación un Consorcio Metropolitano de Mobilidade da Coruña (CMMC), cuxa principal misión será xestionar o servizo de transporte de viaxeiros no conxunto dos Concellos da área, reunindo nun só ente, a xestión da mobilidade urbana, periurbana e interurbana.