Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE DE ARTEIXO VOLVE A DEMANDAR A CREACIÓN DUN NOVO INSTITUTO E A INMINENTE POSTA EN MARCHA DO PROMETIDO NOVO COLEXIO ASÍ COMO A REORGANIZACIÓN DO MAPA ESCOLAR E A POSTA EN FUNCIONAMENTO INMEDIATA DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL


O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presenta de novo unha moción no Pleno deste mes demandando a creación dun novo IES e un novo CEIP que solucione a masificación na que se atopan permanentemente inmersos os centros educativo do núcleo de Arteixo.

Non é a primeira vez que o Grupo Municipal de Arteixo demanda esta ampliación de novas infraestruturas educativas, xa fai máis de dous anos que o vimos facendo e no Pleno Ordinario de xuño de 2016, presentamos unha moción neste senso. En Marzo deste mesmo ano, o Grupo Municipal Socialista, encabezado polo seu voceiro Martín Seco, mantivo unha reunión co Voceiro Socialista no Parlamento Galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, e representantes da comunidade educativa de Arteixo para analizar estas cuestións.

Debido ó constante crecemento da poboación arteixán, tendo en conta o alto índice demográfico que presenta o noso concello, como o asentamento de nova poboación vinculada ó tecido industrial que se desenvolve no Polígono de Sabón, o inicio de actividade do porto de Langosteira e a inminente posta en marcha do Polígono de Morás, é urxente a ampliación de prazas educativas mediante a construción dun IES e un CEIP así como a reorganización do mapa educativo coa transformación do IES Sabón nun CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional) e a ampliación da oferta educativa do IES Pastoriza coa implementación do Bacharelato en dito centro.

Por último, o Grupo Municipal Socialista solicita, unha vez máis, a posta en funcionamento inmediata do Consello Escolar Municipal como unha potente ferramenta de traballo para a dinamización e planificación do tecido educativo arteixán.

MOCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Para o  Grupo Municipal Socialista a situación da educación en Arteixo é un tema prioritario e que non atinxe tan só ás autoridades educativas, senón a toda a Comunidade Educativa conformada, como mínimo, cos profesionais da educación, as familias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Corporación Municipal de Arteixo ó completo.

Así, en reiteradas ocasións, o Grupo Municipal Socialista ven demandando a posta en funcionamento do Consello Escolar Municipal xa que a masificación dos centros, o estado de conservación, a falta de oferta educativa suficiente e os problemas de convivencia que van xurdindo fan precisa unha actuación conxunta así como unha planificación a curto, medio e longo prazo para poder dar resposta ás necesidades educativas do noso concello.

Entre outras características, Arteixo é un concello en constante crecemento con índices de natalidade que dende o ano 2002 mantéñense moi por riba do 9 coa excepción dos anos 2004-2006, 2008,e 2009 que presentaron un incremento até sobrepasar os 11 puntos e os anos 2007 e 2010 que roldaron case os 13 puntos. Estes índices de natalidade superan amplamente, non só os índices da comarca, senón tamén os provinciais e autonómicos (datos IGE).
Arteixo tamén é un concello de máis que razoable crecemento a corto e medio prazo debido ó poder industrial concentrado no Polígono de Sabón, o Porto Exterior, o Polígono de Uxes e todo o movemento económico e de habitantes que se xere directa e indirectamente por este motor industrial.

Cos datos sobre a mesa, é fácil deducir que Arteixo precisa de maior número de prazas en centros educativos, tanto en educación infantil e primaria como o que se refire ás que abarcan  a Educación Secundaria, o Bacharelato e as distintas familias da FP.

En recentes declaracións ós xornais, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Concello de Arteixo, anunciaron a creación dun novo CEIP de 450 prazas que, como moi cedo, poñeríase a funcionar no curso 2020-2021 xa que o Concello comprometeuse a poñer a disposición da Consellería os terreos necesarios. Data, por outra parte, altamente sospeitosa por ser ano electoral.

Dende o Grupo Municipal Socialista levamos anos reclamando esta inversión e a dun novo IES, polo que celebramos a noticia, máis cremos que non é realista, nin na oferta da Consellería, nin na temporalización realizada, moito máis tendo en conta que en 8 anos de goberno Feijóo, a inversión en materia educativa foi case nula e que os datos demográfico urxen a realizar unha forte inversión e reorganización do tecido educativo de Arteixo, dotándoo de maneira urxente dun novo centro de educación secundaria e, nun segundo prazo, dun novo CEIP que atenda ás necesidades reais de matrícula do noso concello.

En Xuño deste ano, este Grupo Municipal denunciaba publicamente a situación de masificación do CEIP Ponte dos Brozos, do CEIP Arteixo e do IES Manuel Murguía reclamando novas infraestruturas. Así mesmo, prantexamos a necesidade de proxectar un novo mapa de FP atendendo ás necesidades laborais do sector industrial e o sector de servizos do noso entorno.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN instando á toma dos seguintes ACORDOS:
    Instar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da inmediata construción dun novo IES que solucione os problemas de masificación do IES Manuel Murguía.

  • Instar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da construción dun novo CEIP que solucione os problemas de masificación do CEIP Ponte dos Brozos e do CEIP Arteixo.
  • Solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a realización dunha reorganización do ensino secundario coas seguintes modificacións:


a.   Transformación do IES Sabón nun CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional) atendendo ó tecido produtivo, de servizos e necesidades socioeconómicas do Concello de Arteixo.

b.   Dotar ó IES Pastoriza do ensino de Bacharelato.

c.    Manter ó IES Manuel Murguía as ensinanzas de ESO e Bacharelato.

d.   O IES de nova creación dotalo de ESO e Bacharelato.

  • Solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a posta en funcionamento de xeito inmediato do Consello Escolar Municipal