PREGUNTAS DO PSOE DE ARTEIXO SOBRE AS INICIATIVAS DO GOBERNO LOCAL DE CALVELO PARA A LIBERACIÓN DA PEAXE DE PASTORIZA DA AG-55
Estes días apareceu nun medio de comunicación un selfie do alcalde Carlos Calvelo co novo Ministro de Fomento no Congreso do PP, nel se informaba dunha conversación informal na que o Ministro comunicáballe ao noso alcalde a disposición a ter unha reunión para falar da solicitude de Arteixo para liberar a peaxe en Pastoriza da AG55 e non levar a cabo a construción do novo enlace planificado polo Ministerio.
Xa fai moitos meses que o noso alcalde convocou aos cidadáns de Arteixo a participar nunha manifestación de coches en dirección ao porto para presionar ao Ministerio pola inxustiza que o goberno do PP estaba cometendo co noso pobo, nesa manifestación participamos todos, aínda que non foi unha convocatoria conxunta por entender por parte da oposición, que o alcalde non estaba contando todo o sucedido e semellaba máis unha cortina de fume para aillarse das decisións do seu partido con respecto a Arteixo, meses despois atopámonos como a Consellería fixera un informe en datas previas a esa concentración, onde se poñía enriba da mesa a instalación de cabinas de peaxe no planificado enlace de Meicende e polo tanto, somos coñecedores de que o alcalde coñecía as intencións do seu partido, sen terllas contado aos cidadáns pola inminente convocatoria de eleccións autonómicas e o desgaste que esa información podería ocasionar.
Fai poucas datas que o grupo de goberno cambiou a planificación da posible construción da piscina na zona norte do concello, dende o entorno onde estaba situado o entronque co enlace da Autovía do Porto en Meicende para a zona do embalse, e non sabemos se virá derivado da parálise que o goberno de Mariano Rajoy levou a cabo na construción de dito enlace, que estaba orzamentado para 2016 e non se executou neste período, poñendo en dúbida que o goberno central teña intención de construír esta infraestrutura que xunto co enlace de Suevos sería de vital importancia para sacar os vehículos pesados dos núcleos da zona norte do concello.
Por todo isto, dende o noso Grupo Municipal desexamos preguntarlles:
•
¿Cales foron as actuacións realizadas polo concello ante o Ministerio de Fomento e Xunta de Galicia, para que atendan a necesidade de levar a cabo a eliminación da peaxe?,
•
¿Cales foron as iniciativas do noso concello ante a promesa do noso alcalde de levar o tema a outras instancias políticas e xudiciais, incluso ante a UE por crer que se estaba facendo un mal uso dos fondos públicos?
•
¿Que pasa coa promesa do alcalde ante a veciñanza, de facer os enlaces de Meicende coa súa circunvalación e o de Suevos, para sacar o tráfico pesado destes núcleos?
•
¿Pensa facer algunha cousa máis que un selfie co Ministro para que sexa escoitada a reivindicación do noso pobo?