Socialistas de Arteixo

View Original

Mocións do PSdeG-PSOE de Arteixo sobre BECAS e COPAGO SANITARIO para o Pleno de Febreiro


MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE A DERROGACIÓN DO REAL DECRETO 16/2012 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O ámbito subxectivo do dereito á protección da saúde foi profundamente modificado por este Goberno mediante o Real decreto-lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións. 

Este Real decreto supón un intento de reformulación implícita dos principios de universalidade e gratuidade da sanidade pública. No primeiro punto pola súa consecuencia de excluír do sistema a unha parte da poboación, pola súa condición laboral ou de orixe. Na segunda cuestión, porque este Real decreto foi o que deixou sentadas as bases para a instauración do copago sanitario, que se consolidou coa Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección General de Cartera Básica de Servicios del Sistema Nacional de Salud y Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achega da persoa usuaria, en desenrolo do Real decreto-lei 28/2012, do 30 de novembro, de medidas de consolidación e garantía do sistema da Seguridade Social. 

En relación coa universalidade da atención sanitaria, é necesario lembrar que con este Real decreto 16/2012 alterouse unha norma de consenso que se plasmou, no 2003, no artigo 3 da Lei de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, e que ten a súa orixe na Ley General de Sanidad de 1986 impulsada por Ernest Lluch e que conlevou o recoñecemento de toda a comunidade internacional. Retrocedendo no longo camiño percorrido ata entón, volveuse a vincular o dereito á asistencia sanitaria pública gratuíta coa Seguridade Social. Consagra de volta a figura do «asegurado» como suxeito do dereito á protección da saúde. O Real decreto-lei 16/2012, derrogou tacitamente os preceptos da Lei xeral de saúde pública sobre a extensión da asistencia sanitaria, deixando sen cobertura sanitaria directa ás e aos profesionais e a todas e todos aqueles que non teñan ningún vínculo coa Seguridade Social -e, mesmo, aos descendentes de asegurados maiores de 26 anos-, cuxos ingresos superen un determinado límite que a norma non precisa. Pero o máis grave é a expulsión da cobertura pública sanitaria das e dos estranxeiros sen permiso de residencia, coas graves consecuencias que implica en termos de saúde individual, saúde colectiva ou saúde pública, ademais do recorte de dereitos que supón e que non respecta principios constitucionais como é o da dignidade da persoa. 

Por outra banda, o Goberno de España seguiu recortando neste tempo o dereito á cobertura sanitaria das e dos españois. Mediante modificacións lexislativas incluídas na Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014, modificouse a cobertura sanitaria das e dos españois que esgotasen as prestacións do sistema de protección por desemprego, que perderían o seu dereito á asistencia sanitaria no noso país se saen de España por tempo superior a 90 días, incluso para buscar traballo ou formación. A presente iniciativa pretende repoñer a situación xurídica previa á promulgación do real decreto-lei citado. 

No respectivo ao copago, este Real decreto é unha medida que constitúe unha profunda inxustiza, xa que instaura a obriga de repagar por unha parte do servizo sanitario, como é o tratamento farmacolóxico, vulnerando así o criterio de gratuidade da sanidade pública. Ademais resulta especialmente lesiva xa que afecta, de xeito sinalado, a persoas enfermas con doenzas crónicas (cancro, hepatite, esclerose …) polo seu maior gasto farmacéutico. Estas persoas pacientes veñen acrecentando o seu problema, pois ademais da dificultade médica da súa situación, son principais afectados por unha medida inxusta. A maiores, as persoas máis sinaladas por este tipo de casos son pensionistas xubilados e xubiladas, co que os problemas asociados á economía doméstica engaden dificultade ao contexto da medida. 

Ante esta medida, moitas foron as asociacións e colectivos de pacientes, profesionais sanitarios e consumidores, partidos políticos, sindicatos e ONGs os que elevaron a súa protesta á Administración. De igual maneira o fixeron algunhas comunidades autónomas, como Castela e León, Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana ou País Vasco, que amosaron a súa incomprensión ante unhas medidas tan ineficaces como inxustas e incluso algunhas recorrendo ao Tribunal Constitucional

Despois dos anos de aplicación deste sistema de exclusión non se puido acreditar aforro algún para o sistema sanitario, pero si existen acreditados numerosos casos nos que a falta de acceso normalizado á asistencia sanitaria concluíu con persoas que viron agravadas as súas situacións persoais e as enfermidades que padecen. Un balance cruel baseado na imposición, tan inútil como inxusta, que urxe rectificar. 

Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista de Arteixo somete á consideración do Pleno da corporación Municipal a adopción dos seguintes ACORDOS:

1. Instar ao Goberno de España a que derrogue o Real decreto 16/2012 do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións.

2. Instar á Xunta de Galicia a que poña en marcha medidas que suplan as carencias que produce o RD 16/2012 mentres non se acade a súa derrogación. Estas medidas serían:

a. Impulsar un plan inicial de reversión do copago farmacéutico, que comece por asumir por parte da administración o custo dos medicamentos para as e os xubilados con pensións menores de 800€/mes.
 
b. Establecer un calendario de medidas que avance progresivamente na eliminación do copago sanitario para as persoas pacientes do Servizo Galego de Saúde. 

c. Implementar, nos centros de saúde e hospitalarios, o persoal e recursos necesarios para poder atender en igualdade de condicións a todas as persoas residentes en Galicia que necesiten de asistencia sanitaria, sen prexuízo da súa orixe o situación sociolaboral.

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE BECAS E AXUDAS AO ESTUDO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Unha política educativa baseada na EQUIDADE é a única que nos fai a todos iguais, independentemente das nosas condicións socioeconómicas e un dos instrumentos fundamentais para conseguilo é unha política de Bolsas que chegue a todos aqueles cidadáns con problemas económicos para poder estudar.

A combinación de recortes orzamentarios, reformas legais e decisións de xestión conduciron a un cambio de modelo que implica unha regresión importante nun dereito fundamental como é a educación, sacrificando a equidade que constituíra unha das nosas  maiores fortalezas educativas e deixando un futuro de oportunidades educativas, accesible para uns poucos.

Un dos capítulos de maior regresión é o das axudas e bolsas ao estudo. Entre as primeiras medidas que tomou o Goberno do Partido Popular nestes “cinco anos negros” para a educación no noso país está a promulgación de dous Reais Decretos: O Real Decreto Lei 14/2012 do 20 de Abril que reglamenta a modificación dos prezos públicos das taxas universitarias existentes ata ese momento e o Real Decreto 1000/2012 do 29 de Xuño que modificou totalmente as condicións para poder ser beneficiario dunha Bolsa de estudos. A partir do curso 2012/2013 prodúcese unha auténtica discriminación cara aos alumnos bolseiros, xa que agora esíxeselles, ademais de cumprir os limiares de renda e patrimonio, unha nota media dun 5´5 puntos para Bacharel e 6´5 puntos para unha bolsa universitaria, rompéndose a igualdade ata entón de que cun 5 podían estudar os que tiñan recursos económicos e os que non, mediante Bolsas.

As modificacións e regresións no sistema de bolsas e axudas ao estudo, acompañado dunha subida desproporcionada dos prezos públicos de matrícula universitaria, supuxo unha combinación letal para miles de estudantes que veron como a crise facía estragos nas súas economías familiares, dificultando de maneira inxusta a súa posibilidade de acceso á educación universitaria.

Os prezos públicos de matrícula e o sistema de bolsas e axudas ao estudo forman un binomio central para a garantía da igualdade de oportunidades e deben asegurar en conxunto que ningunha persoa deixe de estudar por carecer de recursos económicos.

Pero non só se lles castiga aos que menos teñen esixíndoselles máis notas que aos que non necesitan Bolsa, senón que ademais rebáixaselles a cantidade da mesma.

Este novo sistema crea ademais incerteza, xa que se divide a Bolsa nunha cantidade fixa e outra variable, dependendo esta última da existencia de recursos económicos, polo que os alumnos non saben ao comezar o curso a cantidade que van recibir.

Con este Real Decreto rompe coa consideración da Bolsa como “dereito subxectivo” para todos os alumnos que aproben e que non dispoñan de recursos económicos, xa que agora vai depender da cantidade económica orzada.

Nestes cinco anos a contía media das bolsas baixou en máis dun quince por cento, e nas bolsas compensatorias dedicadas a aqueles alumnos con menos recursos económicos e que necesitan residencia para estudar unha carreira universitaria a baixada foi de máis dun  corenta por cento.

Estas medidas, xunto á subida das taxas universitarias, ocasionou que máis de 100.000 alumnos fosen expulsados do sistema educativo.

Ademais, o novo sistema tivo enormes dificultades de aplicación pola falta de coherencia, previsión e incerteza. Entre as máis graves están o atraso no pago das bolsas, unha diminución xeneralizada na contía das mesmas á que se engade a imposibilidade de coñecer con suficiente antelación a contía e, por tanto, a dificultade de reclamar en caso de recibir unha dotación inferior.

Esta reforma foi tamén un exemplo da falta de diálogo e participación  na toma de decisións  das políticas en materia educativa. A reforma do sistema de bolsas implantada polo PP foi unha decisión unilateral que obviou, non só ás partes afectadas, sobre todo o alumnado, senón que, ademais, incumpriu a propia normativa que obriga a convocar o Observatorio de Bolsas, foro pertinente para a toma de decisións nesta materia creado a través do Real Decreto 1.220/2010, do 1 de outubro.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN instando o Goberno  de España a:

1.- Convocar con carácter de urxencia o Observatorio de Bolsas, creado a través do Real Decreto 1220/2010, do 1 de outubro.
Devandito Observatorio emitirá un informe, preceptivo, antes das convocatorias anuais de Bolsas e axudas ao Estudo.

2.- Modificar a normativa reguladora das bolsas para recuperar o verdadeiro sentido das mesmas como dereito subxectivo, sen que  ningún estudante que cumpra os requisitos quede sen bolsa por cuestións orzamentarias.

3.-  Modificar os requisitos académicos actuais para a obtención dunha Bolsa, propoñéndose que sexan os mesmos que para calquera alumno non Bolseiro, para o que se restablecerán os requisitos dispostos no Real Decreto  1721/2007, do 21 de decembro, de bolsas e axudas ao estudo personalizadas

4. Establecer criterios claros, obxectivos e ponderables para a súa obtención, de tal maneira que o solicitante poida coñecer de antemán os criterios polos cales se lle outorgan e a contía que percibirá se lle é concedida, no caso de cumprilos.

5.-  Facer a convocatoria anual de Bolsa  inmediatamente despois da publicación  do Real Decreto  de Bolsa, de forma que a Resolución e o pago das mesmas se realice antes do comezo do curso.

6.- Revisar os limiares de Renda e Patrimonio para o dereito a unha bolsa, seguindo o recollido nos ditames á convocatoria de bolsas e axudas ao Estudo aprobadas e emitidas polo  Consello Escolar do Estado, e adaptándoo ás circunstancias de cada momento, e non computar no límite patrimonial familiar, fixado en 1.700 euros, as subvencións ou prestacións económicas concedidas polas Administracións Públicas que teñan por finalidade atender a situacións de necesidades sociais puntuais, urxentes e básicas de subsistencia

7.- Eliminar as trabas establecidas para as Bolsas Erasmus, cos novos requisitos, recuperando os anteriores e ampliar nos exercicios sucesivos os créditos orzamentarios destinados  para este programa.

8.-Crear unha Bolsa  de “rescate” que permita que aqueles alumnos que tivesen que abandonar os estudos polos criterios académicos introducidos na reforma de 2012 se poidan incorporar ao Sistema Universitario.

9.-Ofertar unha modalidade de Axuda Específica para aqueles alumnos que necesiten realizar a Acreditación Lingüística e que actualmente é o nivel B1.

10.-  Impulsar unha modalidade de convocatoria que inclúa o pago da matrícula aos licenciados e graduados en situación de desemprego  para que realicen estudos de posgrao en universidades públicas.

11.- Recuperar as dotacións orzamentarias destinadas á convocatoria de Bolsas  Séneca, de mobilidade nacional, e que foron eliminadas no curso 2012-2013

12.- Promover, No marco da Conferencia Xeral de Política Universitaria e do Consello de Universidades, un novo marco estatal de prezos públicos de matrícula equitativo e que  permita manter un marco coherente  de prezos no conxunto do Estado, tanto para os graos de máxima como de mínima experimentación e os  máster, asegurando así a igualdade de oportunidades e que leve unha redución  do prezo dos mesmos.