“O PSdeG-PSOE de Arteixo solicitou na Xunta de Voceiros desta semana trocos na Ordenanza de Axudas de Emerxencia Social, para facilitar o acceso a familias que quedaban excluídas, como as que padecen un endebedamento coa propia administración”
Como xa anunciáramos fai poucas datas, o Grupo Municipal Socialista solicitou na Xunta de Voceiros, trocos na Ordenanza que melloren o acceso dos cidadáns as axudas de Emerxencia Social do Concello de Arteixo.
·
A eliminación ou incremento do tope fixado actualmente para poder ter acceso a ditas axudas, que ata o de agora está fixado no IPREM máis o 15% por cada membro a maiores da unidade familiar co desconto dos gastos da vivenda, un tope inferior ao establecido en A Coruña que ten como indicador os ingresos da unidade familiar menos os gastos da vivenda dividido entre os integrantes de dita unidade familiar ou no caso de Vigo que non existe ese tope, estando sometido única e exclusivamente ao criterio dos técnicos que forman a Comisión de Valoración, o que para nós é o concepto máis idóneo.
·
A eliminación da parte do artigo 8.6 que esixe que se acredite mediante documento de declaración responsable, estar ao corrente das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, algo que xa fai a Xunta de Galicia na regulación das Axudas de Inclusión Social, que elimina o carácter de subvención de ditas axudas para non ter que deixar fora a persoas con estas débedas. Resulta incomprensible non poder axudar a persoas que se ven en situación de risco de exclusión social, por problemas económicos derivados da súa experiencia profesional “débedas”.
·
A eliminación no artigo 10.c da responsable política da área de servizos sociais, como integrante da mesa de valoración técnica, quedando formada unicamente con técnicos do departamento.
·
A eliminación do artigo 10.e que establece un período mínimo de tres meses entre dúas solicitudes desta axuda.
Dende o Grupo de Goberno quedaron en reunir proximamente a Xunta de Voceiros cos técnicos de Servizos Sociais para estudar o tema, reunión que novamente aproveitaremos para pedir o estudio da fórmula proposta polo noso grupo na implantación do Bono Comedor, con axudas directas as familias e subsidiariamente aos empresarios hostaleiros do noso concello, despois do fracaso estrepitoso na posta en marcha dun Comedor Social, tras orzamentalo en varios exercicios anteriores.