Socialistas de Arteixo

View Original

Preguntas ao Goberno local do PP en Arteixo sobre os problemas no transporte escolar municipal cara as unitarias.




Nestas derradeiras datas e despois de denunciar o mal funcionamento dos servizos sociais de Arteixo, atopámonos coa denuncia dunha cidadá, pola situación que está a vivir co transporte escolar municipal cara as unitarias do noso concello.

Somos coñecedores, como ano tras ano, o PP foi eliminando ou reducindo os servizos que ofrece ás familias con estudantes, a eliminación da gratuidade dos libros de texto, a redución das becas e os recortes en transporte escolar, foron constantes ante os ollos da veciñanza que necesitaba destes servizos.

Agora vemos como a unha nai traballadora dunha empresa do noso concello, que é usuaria da Escola unitaria de Larín por motivos de conciliación laboral e familiar e que durante varios anos, utilizou o servizo de transporte escolar dende a parada da bloquera en Candame ata a escola unitaria de Larín, se lle elimina dita parada e se lle deixa sen alternativa para poder conciliar o seu posto de traballo e o coidado do seu menor, sen que ninguén de Xunta e Concello lle asegure alternativa válida para poder facelo. 

Dende o noso Grupo xa mantivemos conversacións coa Concelleira de Educación, para esixirlle o mantemento do servizo que recibe esta traballadora de Arteixo e a necesidade de que servizos sociais tome cartas no asunto, polas características do usuario concreto, que debe ter garantida unha praza de transporte escolar que faga posible que se concilien traballo e familia.

Dende o Grupo Municipal, desexamos preguntarlle a concelleira responsable de educación as seguintes cuestións:

¿Porque se queda, esta usuaria, sen o servizo de transporte escolar que disfrutou nos derradeiros anos?, ¿Cal é o motivo da continua eliminación de paradas no noso territorio?, se temos colapsados os CEIP do núcleo de Arteixo, como puxemos de manifesto fai poucas xornadas, ¿por que se lle poñen máis trabas aos usuarios das escolas unitarias?   

¿Interviu o Departamento de Servizos Sociais neste caso?, ¿Que pasa cos servizos sociais para non mediar nesta problemática e esixir solucións para esta nai traballadora?, ¿Vanlle garantir a usuaria o mantemento de praza de transporte escolar nesta parada para poder conciliar a vida laboral e familiar?