Socialistas de Arteixo

View Original

Mentres o goberno de Calvelo luce uns extraordinarios datos de seguridade cidadá, o ambiente no barrio das Eiras en Meicende resulta irrespirable


Cada día son máis os veciños que se mostran sorprendidos ante os continuos anuncios do goberno local dunha diminución da delincuencia en Arteixo, somos moitos os cidadáns que sabemos que o goberno local maquilla os datos para dar unha imaxe irreal do que está sucedendo no noso concello.

Os veciños só piden unha maior atención e control policial e que a policía local dedique todos os seus efectivos, para garantir unha mellor atención a cidadanía e disuadir aos posibles delincuentes coa súa presenza, e non só grandes actuacións mediáticas en vésperas de eleccións que traten de amosar o que non se fai o resto do ano.

No barrio das Eiras en Meicende, o repunte da delincuencia e do tráfico de drogas fai necesaria a implicación do goberno local e as autoridades estatais, para tratar de frear unha situación irrespirable que moitos veciños comezan a denunciar, o continuo trasiego de persoas na búsqueda de estupefacientes, a aparición de materiais sobrantes do consumo destas sustancias, o aumento dos roubos e os casos de delincuencia, fai que a veciñanza esté moi preocupada e se queixe do desenrolo de actividades ilícitas aos pés da casa do noso alcalde, sen que o concello faga nada por evitalo.


O Grupo Municipal Socialista pídelle ao Grupo de Goberno que en coordinación coas forzas de seguridade do estado, leve a cabo actuacións que compliquen o desenrolo de ditas actividades e afasten dos nosos barrios a aqueles cidadáns que fan da delincuencia o seu método de vida. Recordamos a necesidade de establecer patrullas de policia local na zona norte do concello, cunha base nesta zona para poder acudir con inmediatez e ser de caracter disuasorio para aqueles que queren vir a Meicende ao que non deben.