Socialistas de Arteixo

View Original

Dende o PSOE, pedímoslle ao alcalde de Arteixo, máis acción e menos actuacións teatrais contra as nefastas decisións do goberno de Mariano Rajoy con Arteixo


O alcalde de Arteixo leva consumidos moitos minutos de televisión, radio e moitas liñas da prensa escrita, co seu suposto cabreo co goberno de Mariano Rajoy e en concreto, co Ministerio de Fomento dirixido pola galega Ana Pastor, supostamente o alcalde está moi enfadado porque Fomento e Xunta asinaron o convenio de apertura do viario de acceso ao porto con nocturnidade e aleivosía, sen avisar ao concello de Arteixo e sen abrir esa mesa de negociación, que propoñiamos dende  a corporación de Arteixo por unanimidade.

A decisión de Fomento é a máis lesiva para os intereses sociais, medioambientais e por riba a máis custosa para a administración central, por outra banda, non soluciona os problemas de tráfico entre Arteixo e a zona norte e deixa sen conexión aos núcleos de Pastoriza, Meicende e Suevos que sofren o tráfico pesado.

No mes de Abril, tódolos grupos acordamos, unha declaración institucional que deixaba clara a nosa solicitude a Fomento e Xunta e recollía iniciar unha campaña informativa e de mobilizacións entre os cidadáns de Arteixo, falaba de levar unha denuncia, ante as institucións europeas, por mal uso dos fondos FEDER nunhas obras que quedarán en desuso coa nova construción planificada e esixía da Xunta de Galicia, a inmediata construción da senda, paso de cebra e semáforos para o Quinto Pino. Para favorecer a unanimidade da corporación, o Grupo Municipal Socialista  retirou a súa solicitude de nomear persoa non grata a Ana Pastor e rebaixou o ton das reivindicacións do noso partido.

Onte, o PSdeG-PSOE, por vía das súas dúas maiores autoridades, a Presidenta da Xestora e candidata ao Congreso dos Deputados, Pilar Cancela e o candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia, Xoaquín F. Leiceaga, comprometéronse a abrir a mesa solicitada e apoiar as propostas da corporación arteixá, mentres, o alcalde o único que soubo contestar é que o proxecto da actual autovía de acceso ao porto era dun goberno socialista, dedicándose a repartir propaganda electoral do PP coa conselleira Mato e  tratando de confundir á xente cunha decisión que naceu dun estudio redactado e resolto polo goberno de Ana Pastor, que vai a esnaquizar os nosos intereses como concello.

Para o PSdeG-PSOE acabouse o tempo da calma e o consenso, agora o alcalde debe decidir, se está coa veciñanza ou cos “ocultos” intereses dirixentes do seu partido, deixando de facer estas actuacións teatrais ás que nos ten acostumados e que só serven para lavar a súa cara, diante un pobo que xa comezamos a saber a quen rende pleitesía.