Socialistas de Arteixo

View Original

“O PSdeG-PSOE de Arteixo solicitará incluír na Moción Institucional, actualmente en negociación por parte de toda a corporación municipal, nomear a Ana Pastor persoa non grata e iniciar mobilizacións veciñais contra Fomento”





O pasado pleno de Febreiro o Grupo Municipal Socialista entregou a tódolos grupos da oposición unha moción de urxencia para pedir que o concello mostrase a posición conxunta de toda a corporación, contraria á decisión do Ministerio de Fomento de construír a chamada cuarta ronda e non liberar a peaxe da AG-55 entre A Coruña e Arteixo. Esta moción retirouse a instancia do Grupo de Goberno do Partido Popular, ata a incorporación do Alcalde de baixa por enfermidade e convocouse unha Xunta de Voceiros para redactar unha Declaración Institucional conxunta ao ter tódolos grupos unha posición común neste tema.
No día de onte, celebrouse a Xunta de Voceiros e o Grupo Socialista recibiu a solicitude do Grupo de Goberno do PP, para modificar a moción e facela máis extensa, incluíndo á comunicación á Xunta de Galicia para que non asine o convenio co Ministerio de Fomento e a posibilidade de denunciar o caso ante Bruselas polo mal uso dos fondos europeos cos que está financiada a actual obra do Quinto Pino, que quedaría totalmente inutilizada coa construción desta nova infraestrutura.
Ademais, dende este grupo solicitamos que se inicie unha campaña de información e se faga un chamamento aos cidadáns para que se mobilicen, cos seus representantes, contra esta decisión de Fomento.
Dende o Grupo Municipal Socialista estamos asombrados polo mal trato que o Partido Popular, ao fronte do Goberno do Estado e a Xunta de Galicia, amosa co noso Concello, tratándonos como un concello menor de idade e sen que o Grupo de Goberno local faga valer o peso político que ten dentro do seu propio partido. Administracións que teñen abandonado ao noso concello, sen afrontar as necesidades sociais, de servizos, medioambientais e territoriais que teñen os nosos veciños e a nosa actividade económica, polo que solicitaremos a inclusión da declaración de persoa non grata no concello de Arteixo para a Ministra Ana Pastor, culpable política da situación política que estamos a vivir.