Socialistas de Arteixo

View Original

MOCIÓN PARA O CONTROL DAS POMBAS NOS NÚCLEOS URBANOS DE ARTEIXO



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A imaxe de pombas alzando o voo entre as risas dos máis cativos,lévanos a pensar en tranquilidade e ledicia, pero detrás das pombas existen toda unha serie de riscos que, de non controlar a poboación destas aves, lévanos a situacións de sucidade, deterioro e incluso a aparición de enfermidades ou o agravamento dos trastornos respiratorios que padece moita xente do noso entorno.
As pombas provocan coa súa actividade diaria multitude de problemas que podemos resumir nos seguintes:
  • Danos en edificios, mobiliario urbano e na vexetación: os excrementos das pombas causan a prematura corrosión e enferruxamento dalgunhas estruturas de metal; danan a pintura dos coches; manchan as superficies onde se depositan e vólvense esvaradías nos días de choiva; debido ó ácido úrico e ó ácido fosfórico contido nas feces das pombas, a pedra calcaria, o cemento e o formigón vese seriamente deteriorado; o constante picoteo que realizan sobre tellados, cubertas de fachadas ou protección externas para baixantes de augas, fan que estas se vexan seriamente deterioradas; as estruturas de madeira vense afectadas polo desenvolvemento de fungos presentes nas deposicións das pombas. En canto á vexetación, as árbores e plantas novas poden verse afectadas pola acción destas aves.
  • Sucidade: cada pomba produce anualmente uns 12 kg de excrementos que se esparcen por calquera superficie e incluso por riba da xente que pase por unha zona abondosa destas aves.
  • Contaminación de auga e alimentos: contaminan a auga potable en bebedoiros e tanques de auga en edificios así como os alimentos cos seus excrementos e plumas.
  • Problemas de saúde: as pombas son portadoras dun gran número de enfermidades e de parasitos externos. De igual forma, poden agrava-las enfermidades do aparato respiratorio.
  • Ruídos: as pombas constantemente están arrolando, especialmente nas primeiras horas da mañan. Cando voan, as ás baten unha contra a outra facendo un ruído característico. Cando hai grandes concentracións destas aves, o ruído producido transfórmase en molesto para as persoas.
  • Obstrucións: de ventilacións, canlóns, baixantes de augas e incluso desactivación de alarmas.
  • Risco de caídas: a acumulación de excrementos na vía pública causas esvaróns e caídas, especialmente os días de choiva.
O Grupo Municipal Socialista é coñecedor do gran malestar entre a poboación  de Arteixo en relación o cúmulo de excrementos que se poden ver nas beirarrúas dos núcleos máis urbanos do concello.
Dende a Concellería de Medio Ambiente, parece que só toman cartas no asunto cando hai denuncias de particulares e parece que non é consciente, do malestar da poboación e os riscos ós que están sometidos, así como os gastos derivados da actividade das pombas, en canto á sucidade e deterioro de edificios, tanto públicos como privados, así como os riscos para a saúde das persoas.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal os seguintes ACORDOS:
 
  1. Por parte da Concellería de Medio Ambiente se inicie un estudo da incidencia da actividade das pombas nos edificios públicos, mobiliario urbano e beirarrúas.
  2. Por parte da Concellería de Medio Ambiente se implemente un programa de control de pombas nos núcleos urbanos
  3. Por parte da Concellería de Medio Ambiente se realice un programa de información á cidadanía para minora-lo impacto destas aves onde se inclúan consellos para protexe-los edificios, actitudes que non se deben realizar para evita-la súa proliferación, etc...