Socialistas de Arteixo

View Original

Moción solicitando de novo a posta en marcha dunha nova ordenanza reguladora da ocupación da vía pública

Presentaremos esta moción no próximo pleno:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

No ano 2013 e despois de moitas discusións sobre a situación de anormalidade que se atopaba o noso concello, sen unha regulación sobre a instalación de terrazas dos locais de hostalaría e a aparición de auténticas aberracións no noso concello, o Grupo Municipal Socialista presentou unha moción para poñer en marcha o mecanismo de regulación de ditas instalacións. Dende o Grupo de Goberno do PP solicitaron modificacións na moción en aras de chegar a acordos e co compromiso de regular esta situación con urxencia e presentarlla aos grupos da oposición e aos axentes sociais implicados unha vez redactada, para elo se acordou poñer en marcha unha comisión de seguimento que non se convocou nunca en dous anos, xa que nin tan sequera se redactou a nova ordenanza, algo que semella que agrada ao goberno local, que só trataba de gañar tempo ante as queixas da veciñanza e logo non facer nada sobre dito tema.

Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista volve a presentar a moción co mesmo espírito que tivo no 2013.

Dende o Grupo Municipal Socialista seguimos a defender o sentido común como criterio para levar a cabo unha xestión municipal seria e acorde cos intereses dos nosos/as veciñas/os, sabemos que a administración local é a que debe garantir a convivencia entre os diferentes actores da vida pública e poñer as regras e facelas respectar por tódolos seus habitantes.

Sabemos que a situación de crise faise dura para tódolos sectores da poboación entre eles a nosa hostalaría que ademais coa posta en funcionamento da “lei antitabaco” necesita de instalacións físicas onde facilitarlle aos seus usuarios esta práctica, polo que entendemos que a nosa administración debe facilitar a instalación de terrazas para aqueles locais que o necesiten.

A prioridade de calquera administración é velar pola calidade de vida dos seus administrados/as, pola súa seguridade e polo seu descanso, polo tanto estes deben de ser os eixes básicos que deben guiar a acción das nosas decisións políticas. Unha xestión pública eficaz para os cidadáns implica ter un respecto escrupuloso por aqueles que teñen máis problemas de mobilidade e procurar que tódolos cidadáns o fagan coa maior seguridade posible, polo que ningunha normativa debería de primar o desenrolo dunha actividade de lucro sobre os dereitos básicos dos cidadáns.

No noso concello estamos a vivir un despropósito na instalación de novas terrazas e outras instalacións nos viais públicos, onde non se están a respectar os requisitos mínimos de seguridade e mobilidade dos nosos cidadáns e dende esta administración local semella que se está a primar a colocación de instalacións que non son imprescindibles e o mesmo tempo son moi molestas para a seguridade e mobilidade dos nosos/as veciños/as, polo que se fai indispensable a redacción con urxencia dunha nova Ordenanza Reguladora da Ocupación dos viais públicos, que regule a instalación destas instalacións con respecto aos nosos cidadáns.

Por todo o anteriormente exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción dos seguintes, ACORDOS:
1.- O Excmo. Concello de Arteixo creará unha Comisión Especial para a redacción da Ordenanza Municipal Reguladora da Ocupación da Vía Pública, que estará constituída polos seguintes membros:
    • Membros con voz e voto:  
      • Presidente: Alcalde ou Concelleiro Delegado da Área Municipal competente ou persoa en quen delegue.
      • Tres Concelleiros designados polo equipo de goberno.
      • Un Concelleiro por cada un dos grupos políticos da oposición con representación municipal.
    • Membros con voz pero sen voto:
      • Dous representantes do CCA
      • Xefe do Corpo da Policía Local ou persoa na que delegue. 
      • Dous Técnicos Municipais da Área competente na materia. 
      • Calquera persoa que en virtude da orden do día estime oportuno a Presidencia da Comisión, en calidade de asesor.
2.- O espírito da Ordenanza debe ser conciliar as necesidades dos hostaleiros do noso concello cun respecto escrupuloso coa lei, a mobilidade, a seguridade da veciñanza e o noso orde urbanístico.