Socialistas de Arteixo

View Original

Preguntas Escritas pola situación da legalización dos nucleos tradicionais do litoral Arteixán


O pasado 1 de xullo cumpríronse os dous anos previstos na Disposición transitoria primeira da Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral e de modificación da lei 22/1988, do 28 de xuño de costas. Este era o prazo establecido na mencionada disposición transitoria a fin de que por parte dos concellos se puidera instar a que o réxime previsto na Disposición transitoria terceira, apartado 3, da mencionada Lei de Costas se aplicara aos núcleos ou áreas que a entrada en vigor da Lei 2/2013, non estiveran clasificadas como solo urbano pero que cumpriran os requisitos previstos nos apartados 1.a e 1.b na Disposición transitoria primeira. 

O Concello de Arteixo díxolles aos veciños do Porto de Suevos, Valcovo, Barrañán ou Sorrizo que esta lei permitiría regularizar a situación de dos seus núcleos afectados pola Lei de costas anterior e o Presidente Feijoo vendeulle a moitos concellos galegos a mesma promesa de regularización, ata o momento o resultado é todo un fiasco para Feijoo e o seu goberno que atopa no Ministerio unha incapacidade absoluta por recoñecer as características de Galicia e os seu litoral.

Dende o Grupo Municipal Socialista temos a sensación de que o Concello de Arteixo non debeu ter unha contestación positiva por parte do Ministerio, ademais temos a sensación de que non se argumentaron correctamente os requisitos para poder acceder a dita legalización e tampouco se desenrolou o Plan Xeral de Ordenación Municipal que recibiu o Concello para aprobación inicial en Abril de 2011 e do que foi paralizado en Maio de 2011, coa chegada de Calvelo ao poder municipal, cando estaba mandado a informar pola anterior alcaldesa para aprobalo inicialmente, dita aprobación podería ter sido de gran axuda para conseguir a regularización destes núcleos, algo que afirmou a propia conselleira anterior do Partido Popular e que nos recalcaron moitos especialistas na materia. 

Ante o exposto, o noso Grupo Municipal desexa preguntarlle ao Alcalde do Concello de Arteixo:

¿Solicitou o Concello de Arteixo a regularización dalgún núcleo do noso concello baixo esta modificación lexislativa?

¿Cales foron os núcleos para os que foi solicitada?

¿Cal foi a contestación do Ministerio?

¿Enviou o concello un segundo documento con modificacións?

¿Ten resposta o concello do Ministerio?

¿Por qué o grupo de goberno non informa aos veciños afectados do documento entregado e as súas liñas básicas?

¿Por qué a anterior conselleira do PP e moitos técnicos consultados afirman que tivera sido de gran utilidade a aprobación dun Plan Xeral para dito cometido?

¿Por que paralizaron o desenrolo do Plan Xeral en Maio de 2011?

¿Cal é o camiño a tomar dende o goberno municipal se foi ou é denegada a regularización por parte do Ministerio?