“O Grupo Municipal Socialista pide que o goberno local axude a comerciantes e hostaleiros do concello a dinamizar as festas de Nadal ”
Onte, mércores 18 de Novembro, na Xunta de Voceiros do Concello de Arteixo, o Grupo Municipal Socialista solicitou do Grupo de Goberno do PP que leve a cabo algunha iniciativa para dinamizar o comercio e a hostalaría do noso concello ante as festas de Nadal.
Un concello como o noso, non pode esperar unicamente a iniciativa privada dos nosos comerciantes e hostaleiros, ten que tomar a iniciativa e acompañalos ao seu carón para fomentar actividades que redunden no beneficio da nosa economía local.
A celebración de eventos por barrios, de concursos, de promocións comerciais e hostaleiras, de animación na rúa, de iluminación, de música, ..., debe de vir promocionada por un departamento sen dirección política que unicamente espera a que os propios comerciantes tomen a iniciativa, ademais, puxemos de manifesto a solicitude sen contestar dende Febreiro deste ano, dalgúns comerciantes da zona peonil da Avd do Balneario para a utilización da megafonía desta rúa, para poñer panxoliñas e música diversa a horarios oportunos e co nivel auditivo desexado, que dinamice o comercio sen molestar aos veciños residentes da zona, así como a necesidade de axuda aos comerciantes da zona da Travesía de Arteixo cara o barrio de Candame, que ano tras ano, dinamizan o seu entorno sen ter a colaboración necesaria por parte do concello.
Dende o Grupo Municipal pensamos que aínda estamos a tempo de buscar métodos de colaboración co comercio e a hostalaría e facemos un chamamento ao departamento de Promoción Económica, Comercio e Turismo para que saia do seu letargo e fomente unha actividade que necesita nestes momentos do pulo do seu concello e dos seus representantes.