Socialistas de Arteixo

View Original

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA PARA PEDIR A DEROGACIÓN DA LRSAL OU, NO SEU DEFECTO, A DEVOLUCIÓN ÁS ENTIDADES LOCAIS DAS COMPETENCIAS EN MATERIA DE PRESTACIÓN DE SERVIZOS E REINSERCIÓN SOCIAL.





EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:


A Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local veu a reformar a Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, poñendo en xaque a base do municipalismo e do modelo que garantiu a cohesión social do noso país durante os últimos 30 anos.


A reforma exposta priva ás entidades locais das competencias en materia de prestación dos servizos sociais e de promoción e reinserción social, así como noutras competencias: sanidade, consumo, igualdade, políticas activas de emprego, etc...


A nova Lei consagra unha visión exclusivamente economicista das funcións mesmas do Estado, e en especial das Entidades Locais, ó citar a estabilidade orzamentaria como principio reitor que debe presidir as actuacións de tódalas Administracións públicas en lugar de situar a atención ós cidadáns e a calidade na prestación de servizos no centro da reforma.


Dende o principio o PSOE opúxose frontalmente a esta reforma porque ataca e dana á raíz mesma do goberno municipal, recorta competencias ós concellos e abre o camiño á desaparición ou a privatización dos servizos sociais que prestan os concellos. O texto é, ademais, un ataque á Carta Europea de Autonomía Local. Tamén se opuxeron o resto dos grupos da oposición e alcaldes de toda España, incluídos moitos do Partido Popular.


Por elo, os Grupos Parlamentarios Socialista, Izquierda Plural, Unión Progreso y Democracia, y Mixto (BNG, CC-NC-PNC y Compromís-Q) presentaron un recurso de inconstitucionalidade contra esta Lei. O mesmo fixeron algunhas comunidades autónomas. Igualmente, máis de 3.000 concellos de toda España, que representan a máis de 16 millóns de cidadáns e cidadás, expuxo un conflito ante o Tribunal Constitucional en defensa da autonomía local constitucionalmente garantida. Tanto os recursos presentados como o conflito exposto foron admitidos a trámite polo Tribunal Constitucional e están pendentes de tramitación e sentencia.


Hoxe de novo, reafirmamos o noso compromiso de derrogar esta lei en canto o PSOE chegue ó Goberno. Un dos principais ataques ó municipalismo d LRSAL é un cambio profundo na organización do sistema público dos Servizos Sociais, que afecta ó reparto e á relevancia da Administración Local no conxunto das actuacións do Estado, desposuíndoa de todas as súas facultades de acción neste ámbito, un dos máis importantes para construír comunidade e onde é esencial a proximidade para a prestación dos servizos. Calculase que cando o 31 de decembro entre en vigor a previsión de cesión das competencias de servizos sociais municipais ás CCAA, máis de 8.5 millóns de cidadáns se verán afectados.


Con elo créase unha situación crítica para a continuidade do sistema público de Servizos Sociais en España que se foi construíndo dende os anos 80, sobre a base do marco constitucional, e dos Estatutos de Autonomía. En desenrolo do marco constitucional foise consolidando o actual sistema público de Servizos Sociais, baseado na cooperación entre administracións e que permite a aplicación do Plan Concertado de Servizos Sociais.


Esta reforma quebra a estrutura xa consolidada e limita extraordinariamente as funcións de prestación dos servizos sociais e de promoción e reinserción social dos consistorios á mesa “avaliación e información de situacións de necesidade social, e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social”, desnaturalizando por completo o sistema actual.


Lévase a cabo, ademais, nun momento en que as cifras de pobreza en España son cada día máis dramáticas. Na actualidade, 1 de cada 5 persoas viven no noso país por debaixo do limiar de pobreza. 2,8 millóns de nenos, o 33.8 por cento da poboación menor de idade, están en risco de pobreza. A taxa de cobertura por desemprego baixou ata deixar desatendidas á metade das persoas en paro, mentres que ter un traballo xa non garante saír da pobreza en España.


Nun contexto como o actual, é necesario potenciar os servizos ós que a cidadanía recorre en primeiro lugar para a obtención de información e atención social e laboral, pero paradoxicamente, o Goberno do PP, no seu afán de reducir a mínimos a protección social, consumou o desmantelamento da Rede Pública de Servizos Sociais de proximidade, con recortes orzamentarios (64% no Plan Concertado) que, ademais de deixar sen protección a milleiros de cidadáns en plena crise, supuxo a destrución de máis de 10.000 postos de traballo no sector público local.


Tamén se marxina ós cidadáns que viven no medio rural ó eliminar calquera servizo social dos pobos con menos de 20.000 veciños (inclusive os servizos sociais de asistencia inmediata deixan de ser de carácter obrigatorio nos municipios pequenos) en aras dunha pretendida maior rendibilidade, e traspasar ditas competencias directamente ás deputacións provinciais.


En definitiva, a LRSAL supoñerá para milleiros de persoas perder a atención social que reciben dos seus Concellos, por elo a Xunta do Goberno da FEMP pediu unha moratoria da súa entrada en vigor e a posterior derrogación da mesma.   


Por todo elo, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo somete a votación a seguinte MOCIÓN para aprobar os seguintes ACORDOS e esixencias dirixidas ó Goberno de España:

  1. Derrogar a lei 27/2013 de 27 de decembro de racionalización e sustentabilidade da Administración Local.
  2. Mentres tanto comprométese a tramitar, de forma inmediata, unha modificación lexislativa que devolva urxentemente ás Entidades Locais as competencias en materia de prestación dos servizos sociais e de promoción e reinserción social, e reafirme a autonomía municipal constitucionalmente garantida, entendida como a capacidade de decisión en tódolos ámbitos da vida cidadá, sen prexuízo da necesaria coordinación de competencias entre administracións, baixo os principios de calidade do servizo, proximidade e subsidiariedade.