Martín Seco García (Voceiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo): “O goberno local de Calvelo leva case cinco anos toleando ao persoal do concello e actualmente ten varios departamentos en precario”
O grupo de goberno de Carlos Calvelo leva case que cinco anos volvendo tolo ao persoal do concello, con continuos trocos dos traballadores de departamento e de localización de xeito unilateral, administrativos que pasan dun departamento a outro sen causa obxectiva, persoal cambiado sen acordo e departamentos polos que se apostou inicialmente e que actualmente están abandonados.
Dende o Grupo Municipal Socialista resulta incrible ver como o departamento de Secretaría do Concello segue en precario, perdendo con esta falla de persoal, a dinámica necesaria para a actividade do concello e facendo imposible que o concello funcione coa rapidez e transparencia necesaria.
Departamentos que necesitan de persoal para un funcionamento correcto e que son determinantes para un concello con 3000 parados, promoción económica, turística e emprego están completamente abandonados, dende o noso grupo preguntaremos no próximo pleno cantas persoas están asignadas a Turismo e quen é o/a responsable de dito departamento, que tiña ata tres persoas destinadas na Oficina de Turismo e ten actualmente a unha soa, quen está a facer o traballo de administrativo no departamento de Emprego, que pensamos que non ten a ninguén a día de hoxe.
O persoal de confianza do concello, que cada ano ten a máis persoas a dedo do PP, non aporta nin un só individuo para a promoción económica, turística , emprego e servizos sociais.
Está claro que a prioridade deste goberno do PP, son o urbanismo e as obras e as persoas e o seu dignidade non son importantes, aínda que os problemas reais dos veciños de Arteixo están en poder desenvolverse como cidadáns.