Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco García (Voceiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo): “O PSdeG-PSOE de Arteixo considera inxustificable ter a metade do casco urbán de Arteixo sen auga durante 6 horas sen dar a mínima información esixible á veciñanza”


No dia de onte, moitos dos veciños de Arteixo estivemos durante máis de 6 horas sen auga, dende as 12:00 ata máis das 18:00, debido a unha avaría xerada por actuacións do servizo de auga nas conducións da auga da traída á altura de Oseiro.

Resulta complicado explicarlle aos veciños un período de tempo sen auga tan longo sen avisalo previamente, pero moito máis é explicarlles que dende o concello non activamos ningún tipo de servizo de información ao cidadán para explicarlle o motivo da falla de auga, o tempo que estarán sen ela previsiblemente e as oportunas desculpas.

Existen multitude de xeitos de avisar á veciñanza, ademais de que debe de ser algo ligado a propia transparencia que o PP de Calvelo tanto exalta, o sistema de avisos por sms ou whatsapp, as redes sociais, a páxina web, os taboleiros electrónicos de información que temos e por suposto o mellor instrumento de comunicación de Arteixo que segue apagado, a nosa radio local, Radio Arteixo.

Dende o Grupo Municipal Socialista, se é certo que o Grupo do PP quere levar a cabo unha xestión participativa e transparente, convidámolos a poñer en marcha ditos sistemas para darlle a información aos veciños in situ e por suposto a reabrir Radio Arteixo, un lugar de información, de comunicación e de participación que tódolos veciños, sen medo a debater e aceptar críticas, queren ter en funcionamento.