Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco reclama que o goberno local defenda “o futuro en paz e con calidade de vida” dos veciños de Rañobre


O portavoz socialista propón a creación dunha oficina de atención aos afectados polo Porto Exterior que facilite información e asesoramento.


O grupo municipal do PSOE de Arteixo reclama a necesidade de contar cun goberno local que defenda o futuro “en paz e con calidade de vida” para o núcleo arteixán de Rañobre, ubicado ao carón do polígono industrial de Sabón e do Porto Exterior.
O voceiro socialista, Martín Seco, mantivo unha reunión cos veciños da zona e cos representantes da Plataforma de Afectados polo Porto Exterior, onde tivo a oportunidade de escoitar as demandas e necesidades deste núcleo.

Neste sentido, o candidato do PSOE ás próximas eleccións municipais propón que o Concello cree unha oficina de atención aos afectados pola industria e as grandes infraestruturas, que facilite aos veciños a información e asesoramento que precisen para defenderse das agresións que sufren pola proximidade das súas vivendas.
Martín Seco aposta pola creación dunha pantalla vexetal no límite do núcleo residencial co polígono, e a construcción de sendas peonís que unan Suevos, Rañobre e Sabón. As propostas do socialista inclúen o ensanche dos principais viais da zona e a mellora da iluminación, así como a limitación de tonelaxe polos viais da parroquia, atendendo desta forma ás demandas dos propios veciños e veciñas.

Por outra banda, o voceiro socialista tomou nota das peticións dos residentes sobre a posibilidade de que a central eléctrica ceda ao Concello o acceso á praia de Alba e que este proceda ao seu arranxo para o uso público de todos os arteixáns.