Socialistas de Arteixo

View Original


Dende a Agrupación Socialista de Arteixo asistimos moi apenados a destrucción absoluta que o señor Calvelo está a facer dos mecanismos de participación e democracia que instaurara o anterior goberno municipal, para dotar ás asociacións veciñais dun foro onde poder mostrar as súas queixas e suxestións para unha mellor e máis plural xestión do noso concello.

Cada día queda máis claro que ao Partido Popular moléstalle todo aquelo que sexa participación, democracia e transparencia na xestión pública e vemos como se ten que reunir asociación a asociación, dependendo da súa orixe e composición para mentirlles decíndolles que leven propostas antes do día 15 de Novembro, duns presupostos para o ano 2013, que xa teñen elaborados coas inversións que queren realizar.

Unha vez máis, as reunións coas asociacións de veciños serán unha cortina de fume para agochar a súa verdadeira intención de non contar en absoluto coas súas iniciativas e só as levan a cabo, para lavar a imaxe pública dun goberno que está máis preocupado de malgastar unha cantidade inxente de cartos en proxectos e obras innecesarias que de solucionar os graves problemas que ten o noso municipio, cunha falla absoluta de preocupación pola situación de emerxencia social que viven os nosos veciños, sen que se teñan multiplicados os recursos públicos en materia social para combatir esta situación.

Dende a oposición observamos estupefactos como o Partido Popular fai e desfai cos cartos de tódolos cidadáns do noso Concello, sen que a oposición teña ningún tipo de información sobre as inversións que o goberno vai levar a cabo e non se lle consulte absolutamente nada do que facer cos fondos dun pobo que cando votou, lle deu 6823 votos á oposición e 6566 votos ao goberno polo que podía terlle un pouco máis de respecto a esa maioría de votantes que non lle deu o seu apoio e que debería de ter en conta.

" O Grupo Municipal Socialista de Arteixo non se cansará de denunciar a este alcalde kamikaze que prácticamente dilapida un remanente de 19 millóns de euros nun só ano de lexislatura, sen pensar nos problemas que teñen os seus veciños e sen ter a responsabilidade de ter aforros para facer fronte aos problemas que podemos ter nun futuro próximo”.