Socialistas de Arteixo

View Original

Moción en defensa dos Concellos e contra a reforma que nos quere aplicar o goberno do estado


MOCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Dende a aprobación da Constitución de 1978, con acordo, diálogo e consenso construímos e consolidamos entre todos unha España democrática. Estes foron os principios polos que se acometeron as reformas que afectaban á estrutura institucional do Estado.

Durante este tempo pasamos por momentos difíciles nos que mesmo o noso modelo de convivencia democrática se puxo en xogo, afrontamos xuntos os efectos das crises económicas, e precisamente vencemos e superamos esas dificultades grazas aos esforzos de toda a cidadanía e da unidade dos Grupos políticos.

Durante estes 32 anos de Concellos democráticos, o ámbito local foi un bo exemplo de como se pode gobernar, defendendo os intereses dos veciños, xuntando vontades políticas, buscando a colaboración e a cooperación e os resultados foron visibles no progreso dos nosos pobos e cidades.

A autonomía local foi un referente avalado pola Constitución e pola Carta Europea como garantía de democracia, de cohesión social e da articulación dun país, historicamente desigual no social e no económico.

Entre todos deseñamos un modelo local capaz de dar máis e mellores servizos aos cidadáns, conformamos entidades locais que son exemplo de participación, de convivencia e de solidariedade, contribuíndo a garantir a cohesión social en todo o territorio a través da xestión de servizos e prestacións no ámbito local, dende a proximidade e a solidariedade.

Dende a súa creación a Federación Española de Municipios e Provincias – FEMP, e mesmo a Federación Galega de Municipios e Provincias - FEGAMP, consolidáronse como lugar de encontro, entendemento e consenso de todos aqueles que por principios e vocación se senten municipalistas, mantendo como obxectivo o fomento e defensa da autonomía das Entidades Locais.

Os Concellos non son responsables do déficit do Estado. Nin no seu conxunto, nin nas Administracións Públicas. Pódense aportar as cifras e a porcentaxe sobre o total de endebedamento.

Mesmo se chega a criminalizar aos concellos como responsables últimos dunha crise da que eles pouco ou nada teñen que ver. Durante as últimas semanas difúndense dende a dereita política e mediática múltiples e diversas opinións ou declaracións que semellan poñer en dúbida o bo e correcto funcionamento dos Concellos e o traballo que día a día, e na inmensa maioría das ocasións sen recibir remuneración algunha, miles de Alcaldes/esas e concelleiros/as fan nos seus pobos e cidades.

Un traballo municipal e veciñal dun incalculable valor se observamos o servizo que prestan aos cidadáns, servizos que non se poden avaliar empiricamente, servizos cuxo principal valor está en que se prestan porque a proximidade aos cidadáns lles permite coñecer e dar axeitada resposta aos seus problemas.

A cidadanía, nas urnas, co seu voto, axuíza o labor dos seus Alcaldes, das súas Casas do Concello, ten nas súas mans decidir o goberno do seu pobo ou cidade, elixir ós homes e mulleres que deben tomar as decisións sobre a xestión dos servizos públicos prestados, sobre o investimento e sobre a execución de infraestruturas municipais.

A cidadanía ten nas súas mans decidir se os que toman as decisións deben seguir facéndoo: a esixencia dos cidadáns de maior ética e transparencia aos representantes políticos debe ser contestada axeitadamente para así facer fronte aos ataques que dende posicións interesadas e con intereses espurios se está a facer da política e da democracia local.

Compartimos que as leis que regulan o ámbito local necesitan dunha revisión que aborde a repartición de competencias, o financiamento, as retribucións dos Alcaldes e Concelleiros (as daqueles que as reciben), a simplificación administrativa, as funcións das entidades locais intermedias e avanzar na transparencia e a participación cidadá.

Como sinala a Comisión Executiva da FEGAMP, no seu acordo de 18 de xullo deste ano, a nova regulación estatal debe solucionar os problemas do municipalismo en Galicia, onde a necesidade dun cambio de financiamento, tendo en conta a dispersión poboacional, é fundamental.

Ademais, esta nova regulación estatal debe respectar as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en xestión e ordenación da Administración Local, así como os principios contidos na Carta Europea de Administración Local ratificada por España no 1988.

Polas nosas conviccións democráticas, por respecto e coherencia á nosa historia compartida durante estes anos e sen dúbida polos veciños aos que representamos, este traballo debémolo facer dende o diálogo e dende o consenso para garantir que os nosos concellos poidan seguir prestando os servizos que esperan de nós os cidadáns e para garantir a democracia do noso país

Por tódolo anteriormente exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción do seguinte,

ACORDO:

1. Reafirmar a importancia das entidades locais que nunha realidade tan complexa, diversa e difícil, están a contribuír de forma inequívoca a vertebrar o territorio, contribuír á cohesión social, e prestar servizos esenciais e básicos, descentralizados e de proximidade para todos.

2. Rexeitar calquera reforma da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local e da Lei Electoral (LOREG) que veñan a limitar a autonomía municipal, recoñecida pola Constitución, e que pretenda restar capacidade de decisión á cidadanía sobre a administración local e os seus representantes.

3. Defender a nosa autonomía municipal, como o máis eficaz instrumento para facer realidade o principio de igualdade de oportunidades, ao mesmo nivel de importancia que as outras administracións públicas e a necesidade de abordar en profundidade o debate sobre as necesarias competencias municipais e o seu financiamento axeitado.

4. Defender unha reforma do Réxime Local que xurda do debate político coas Corporacións Locais e do consenso que presidiu a vixente lexislación. Os Concellos teñen persoalidade xurídica plena e son gobernados e administrados polas Corporacións (artigo 140 da Constitución Española). Non cabe expropiación das súas competencias en favor doutras institucións.

5. Transmitir a todos os concellos e aos seus veciños, especialmente aos municipios máis pequenos, o noso apoio e recoñecemento polo labor que veñen facendo para manter o territorio rural e a súa poboación de forma equilibrada e sostible para toda a sociedade.

6. Dar traslado deste acordo para a súa toma en consideración ao Goberno de España, ao Goberno da Xunta de Galicia, aos Grupos Políticos do Congreso e do e do Senado, do Parlamento de Galicia e á Xunta de Goberno da FEMP e da FEGAMP.