Socialistas de Arteixo

View Original

"O concello motivou a eliminación do Arteixo Solidario polo gasto de 11.000 euros, mentres gasta preto de 20.000 euros, en saber que facer coa piscina municipal"


Dende o Grupo Municipal Socialista vimos de presentar unha moción para o Pleno deste mes de Abril, onde solicitamos que o Pleno do Concello acorde solicitarlle ao Grupo de Goberno do Partido Popular que no ano 2013, recupere a celebración do Arteixo Solidario, tal e como se estaba a celebrar ata este ano 2012, coa celebración de eventos culturais, informativos, comercias e lúdicos relacionados co mundo da solidariedade e a cooperación internacional, poñendo o centro de atención nas ONG´s que participaban deste evento.

Non entendemos como o señor Calvelo se pode cargar unha celebración tradicional con moitísimos anos de historia no noso concello, poñendo de excusa o gasto de 11.000 euros, cando o grupo de goberno do Partido Popular é unha máquina de gastar os recursos de tódolos veciños en cuestións totalmente superfluas como a última aparecida na Xunta de Goberno do 22 de Febreiro, onde se aproban 19.942 euros para realizar un estudio do futuro da piscina municipal, continuando coa campaña de gasto continuado en estudios que tratan de tapar a incapacidade de goberno do señor Calvelo e os seus compañeiros de partido.

Dende o Grupo Municipal Socialista estamos asustados da falla de sensibilidade social deste alcalde e o seu grupo de goberno que non atopan importante as actividades que realizan as múltiples organizacións non gubernamentais que participaban neste evento e que se dedican únicamente a loitar por un mundo máis xusto, por unha sociedade que non permita que haxa lugares onde a xente morra de fame e non teña médico ao que acudir, nin actividade coa que manter a súa vida con dignidade. Tendo en conta ademais que estas ONG´s están a vivir unha profunda crise de superviviencia, derivada do recorte que o Partido Popular, tanto a Xunta de Galicia inicialmente, como o goberno do estado, cun recorte de máis de 1.400 millóns de euros no presuposto adicado á Cooperación Internacional, están a aplicar cunha irresponsable austeridade que lle costa a vida a moitos habitantes deste planeta.

Así mesmo estamos moi ofendidos polo comportamento irresponsable dos nosos dirixentes ao atoparnos como na celebración da gala solidaria do sábado, os membros deste grupo non foron invitados á celebración e cando algún dos nosos concelleiros chegou ata a porta do Centro Cívico non puido acceder por estar tódalas prazas ocupadas, tendo no seu interior sillóns reservados para as autoridades locais que quedaron baleiros .

Dende este grupo non nos rendimos e esperamos que recapaciten e o ano que ven voltemos a celebrar, con máis folgos se cabe, este evento de tanta importancia para a sociedade como é o Arteixo Solidario.