Socialistas de Arteixo

View Original

A Xunta Da Luz Verde Á Clausura Do Vertedoiro De Monticaño

Con data 9 de febreiro saía da Consellería de Medioambiente, Territorio e Infraestructuras o informe da Xunta de Galicia que o Concello de Arteixo solicitara, a instancias do xulgado, de cara a acometer o selado e rexeneración do vertedoiro de Monticaño, un vertedoiro que foi pechado por orde xudicial ao non contar cos pertinente s permisos da propia Xunta.

O vertedoiro de Monticaño tiña licencia municipal do ano 2003, cando o anterior equipo de Goberno decidiu outorgar os permisos para o seu funcionamento. Posteriormente unha sentencia obrigaba ao seu peche e desmantelación pola ausencia dos permisos da Xunta. Dende entón -2008-, momento no que o Goberno de Arteixo e a empresa responsable do servicio presentaban ante o xuíz un proxecto de rexeneración e integración do terreo no entorno que pasaba por clausura e selado o vertedoiro, en lugar de desmantelalo.

Optábase por esta alternativa debido á existencia de amianto entre os residuos, un material que, manipulado, pode resultar canceríxeno, polo que o proxecto optaba, dado o alto risco que presentaba o seu movemento, por sepultalos de forma controlada, unha acción que, segundo os expertos, ten un índice cero de riscos para a saúde.

Para formalizar esta proposta era preceptivo o permiso e informe favorable da Xunta de Galicia, algo que o Concello viña reclamando dende hai meses.

O documento que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras data o día 9 de febreiro da agora o visto bo a esta actuación, considerando que os informes do Plan de Restauración presentado non representa perigo algún para a saúde, ben ao contrario “o risco medioambiental e para a saúde humana no caso de proceder á clausura do vertedoiro sen retirada dos residuos é practicamente inexistente, fronte ao severo da súa manipulación e retirada”.

Agora o Concello e a empresa afectada deberán presentar este informe xunto con Plan de Restauración ante o xuíz, quen será o encargado de decidir si o proxecto é viable e legal tal e como se propón.

Este informe positivo da Consellería permitirá a rexeneración do vertedoiro, pero non deixa de lado a demanda patrimonial que a empresa concesionaria interpuxo contra o Concello polo seu peche, polos prexuízos causados pola decisión do anterior goberno de outorgar licencia ao vertedoiro sen contar cos permisos da Xunta. Neste aspecto, o actual Goberno Local é contundente e firme “en caso de ter que afrontar unha demanda coma esta, o Goberno de Arteixo depurará absolutamente todas as responsabilidades técnicas e políticas que a lei obriga, mesmo as que falan da repercusión económica”, manifestaba ao respecto o Concelleiro de Urbanismo, D. José Luís Rama Rodríguez, palabras subscritas pola propia Alcaldesa, Dna. Pilar Souto.