Socialistas de Arteixo

View Original

O Goberno De Arteixo Amosa A Súa Satisfacción Coa Noticia Da Devolución Dos Pagos Da Piscina Municipal Correspondentes Aos Días De Folga

Despois de que a pasada Xunta de Goberno do Concello de Arteixo aprobara por unanimidade requirir a Gaia, empresa concesionaria dos servizos da Piscina Municipal, a devolución da parte proporcional das coutas dos socios relativa aos días que as instalacións permaneceron pechadas por folga dos traballadores, a empresa comunicaba hoxe mesmo ao Goberno de Arteixo a súa intención de acatar este requirimento.

Segundo a propia empresa comunicaba ao Departamento de Deportes, os socios recibirán un sms comunicando a resolución, e as cuantías correspondentes serán devoltas a todos eles ao remate da folga indefinida que comezaba onte, convocada polos traballadores das instalacións deportivas públicas de toda Galicia, na demanda dunha revisión do seu convenio.

O Goberno de Arteixo amosaba a súa satisfacción con esta comunicación, “posto que xa llo requiríramos en varias ocasións”, ao mesmo tempo que espera que a folga indefinida convocada polos empregados dos centros deportivos públicos de Galicia chegue a bo fin nun corto espazo de tempo. “Esperamos que a Xunta poña da súa parte nas negociacións, tal e como lle pedimos por escrito ao Secretario Xeral para o Deporte despois da última xornada de folga, na que tiven ocasión de falar cos representantes sindicais”, comentaba a Alcaldesa, Pilar Souto.